2 jun 2015

Mudámonos a maleducadas.wordpress.com

100% Maleducadas múdase á casa de mamá despois de varios anos de independencia. Ou, o que é o mesmo, o contido deste sitio web integrarase dentro dunha categoría especial no blog nai deste, Maleducadas. Lémonos por alí?

--> Visítanos en Maleducadas/100%Maleducadas! <--

6 nov 2014

Luísa e Begoña: pensando en lila

Tristemente, nesta entrada de hoxe non vou lembrar só a Luísa, hoxe da man das palabras de Soqui Cea, senón tamén a Begoña Caamaño, que con só 50 anos nos dixo adeus a todas as persoas que lemos literatura e, a maior gloria da mala educación, en galego, e moi especialmente a aquelas que miran a literatura a través da lupa lila do feminino; un adeus tanxible nunha carta de despedida dirixida á súa amiga Uxía Senlle cando xa a enfermidade a levaba a pensar no inevitable.


Por iso deixamos a Luísa no noso especial coa compaña do Morgana en Esmelle caamañiano malia que non teño datos para saber se ambas autoras chegaron a coñecerse. Ademáis, outro termo virá parar ás redes do noso peculiar dicionario xunto cun novo fragmento da escrita de Luísa Villalta para que a saboreedes amodiño, neste caso recollido do seu relato As chaves do tempo, moi emotivo e sinxeliño de ler para quen vos animedes coa historia completa. Sen enlearme máis, descargade logo este especial maleducado número 4 sobre Luísa Villalta que navega entre maio e novembro deste 2014. 


Ata a próxima, deixámosvos cun vídeo proxectado nunha xornada-homenaxe que recibiron en marzo deste mesmo ano Luísa Villalta e Xela Arias. O vídeo titúlase "Música e poesía en Luísa Villalta". Déixovos con el non sen antes mandarvos un feixe de saúdos maleducados!

24 oct 2014

As xanelas das nosas escritoras

[Esta é a crónica persoal da mesa redonda sobre blogueiras no Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo, que tivo lugar o martes 21 de outubro de 2014, na que eu mesma participei]

A escritora non é un ente fantasmal pechado entre catro paredes e afastado do mundo, senón que, como as empresarias, as coidadoras da casa, as artesanas, as labregas, as obreiras, etcétera, forman parte do noso tecido social. Non quedaron atrás, sepultadas polo peso de grandes tomos de papel nin cegas polo lume das candeas. Viven aquí e agora, neste século e neste país, e abren xanelas dixitais para que poidamos coñecelas a elas e/ou o seu traballo. Iso era algo que podiamos intuir sinxelamente accedendo á rede internet e comprobando o grande número de blogs e sitios web que albergan espazos rexidos por maleducadas amigas e coñecidas. Non obstante, unha cousa é intuílo e outra comprobalo ao departir con dúas delas nunha mesma mesa sobre este tema, este 21 de outubro en Vigo.

Blogueiras en Vigo este martes 21 de outubro. 
Fonte: Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo


Marta Dacosta e Raquel Pazos falaron inspiradas das súas propias xanelas, os blogs Acuática e Auga nos labios. Xorde Acuática en 2007 como xanela aberta na que amosar exclusivamente un horizonte literarioa través da experiencia que a poeta acumula: conmemoracións, recitais, reflexións, pegadas de libros inéditos que quedaron no tinteiro... un xeito eficaz de comunicar con lectoras e lectores de todo pelame e incitar curiosidade sobre a súa produción poética sen chegar a expoñela, xa que habitualmente fica agochada tras do veo dixital por unha cuestión técnica: a necesidade de preservar o anonimato dos versos de cara a posibles concursos, e a de protexer os dereitos que como autora lle competen unha vez publicados os poemarios. Auga nos labios, pola súa banda, nace, disentindo coa óptica de Acuática, para dar a coñecer de primeira man a quen navega pola internet a obra da súa autora, que ven publicando retallos de seu no seu blog segundo a velocidade que lle impón o seu propio maxín, como latexos de ritmo indefinido dentro do corazón da súa creatividade. A poesía flúe como un río de auga nos labios da súa autora para nós, que estamos do outro lado da pantalla, e quizais tamén para ela, xa que cada blog, máis que unha xanela, é para Raquel unha casa propia que reflicte a personalidade de quen o administra e atende as súas necesidades.

Curiosa é esa atracción polo líquido elemento que abrolla na mesma cabeceira dos espazos, a Acuática de Marta Dacosta, talvez como ser ondulante que nace e vive mergullada nun mar de letras, e esa Auga nos labios de Raquel Pazos, que sacia a sede poética da autora (e de quen lemos os seus versos) ao abrir(nos) os ollos á (súa) realidade. Por que a auga?, como preguntou unha abraiada participante da xornada, e autora do blog dos relatos de Raquelia... Agua (en castelán). A iso habedes responder vós, que non vos vou dar todo feito.


E chega a miña quenda mentres penso nesa xanela, nesa casa... mentres que Maleducadas e este mesmo espazo no que agora escribo, 100% Maleducadas, para min, son unha escola de continua aprendizaxe, onde recompilar ideas, onde facer reclamacións, onde compartir coñecemento e ordenar a marea de pensamentos maleducados que me atafegan en prol desa promoción de todo o que as literatas veñen producindo. Nin a súa orixe nin o seu desenvolvemento responderon a necesidades estritamente persoais, alén do meu gusto pola lectura e o meu verme interior escribinte e unha inquedanza hipotética arredor da invisibilidade das mulleres escritoras que, desafortunadamente, veño de confirmar publicación tras publicación. Un blog persoal, para min, non atendería a etiquetas, sería ecléctico, movido pola rabia ou a paixón do momento, polo maremoto que xorde xigante e inesperado cando algo toca a fibra durmida da imaxinación. Mais sinto que de cando en vez aínda se precisan hogano voces maleducadas, que metan o dedo na inapreciable chaga da desigualdade neste universo de letras. Por iso sigo aquí, non sei por canto tempo, porque me obriga só a miña propia ética, que ás veces é preguiceira e esquiva. Por se mañá non volvo, non deixedes de loitar, amigas maleducadas, por que vos vexan e vos escoiten, porque cuspan as vosas palabras con aglaio ao decatarse de que a vosa propia xanela, a vosa casa de historias encantadas, é tan rica e diversa como a de calquera, máis alá, por moi parvo que isto nos soe, de toda raza, relixión ou sexo. 

Iso interioricei este martes en Vigo, e por iso volo comparto. Non deixedes, en conclusión, de mirar a través das fiestras que as nosas escritoras nos abren, porque moitos tesouros poden ocultarse detrás delas. Déixovos aquí algunhas das miñas favoritas para que vos deades un próspero paseo virtual. Se non abondan, pasádevos polo Directorio Maleducado. Coido que ata aquí, por hoxe, vale.

20 oct 2014

Blogueiras en Vigo

Este martes 21 de outubro estarei nunha mesa redonda en Vigo falando de blogs, mulleres e literatura, e compartirei impresións con Marta Dacosta e Raquel Pazos Garrido, algo moi acaído toda vez que teño enriba da mesa para botarlle un ollo e, se mo enche, para o ler, o ensaio Evidencias, de María Xosé Queizán, onde a muller e a literatura son eixos centrais do volume. 


Volvendo ao noso, contareivos que Marta Dacosta (Vigo, 1966) é licenciada en filoloxía na especialidade galego-portuguesa, docente e poeta, e ten publicados varios poemarios, a maioría premiados en distintos concursos, como Dun lago escuro, publicado neste 2014 tras resultar galardoado co Premio Johán Carballeira 2013. No seu blog Acuática infórmanos de novidades sobre a súa produción literaria e reflexiona sobre diversos temas do seu presente, a meirande parte deles relacionados coa literatura.


Pola súa banda, Raquel Pazos Garrido (1968, Caracas) naceu na emigración, pero sendo cativa retornou a Galicia e hogano a súa cidade vital de referencia é Vigo. Xa naqueles anos cultiva a súa paixón polo verso e as figuras estilísticas, como revela Antonio García Teijeiro, quen foi seu mestre na primaria. Comprometida coa poesía, rexenta o blog creativo Auga nos labios, ten participado en diversos eventos literarios e, ultimamente, ven de autopublicar o poemario A flor do cacto.


Por todo iso, será un privilexio para min compartir espazo con elas, e se tedes a oportunidade non deixedes de acompañarnos. Déixovos, pois, o cartaz coa información do acto. Saúdos maleducados ;)


5 oct 2014

Novidades en clave de Re

Este mes de outubro ven sendo un mes completo, un mes no que renovo proxecto nunha etapa reconvertida en andaina solitaria mais coa estrela da Bibliotecaria Maleducada na fronte, un mes de revisar o que está feito e recuperar o que parecía perdido. Malia que a memoria de Luísa Villalta nunca estivo perdida, volvo recuperala aquí e agora para seguir rescatándoa, de xeito que ocupe outra vez o lugar de honra deste humilde blog nunha entrada repleta da sílaba re, que como nota musical harmoniza este pequeno parágrafo facéndoo requintar.

Afortunadamente, non son a única en revitalizar a súa figura, pois daquela pouco camiño percorrido sería ese. Levamos un ano cheo de lembranzas respectuosas e sentidas cara unha persoa que deixou fonda pegada en quen a coñecemos. A última mostra disto, foi a homenaxe que se lle rendeu a Luísa o domingo pasado, 28 de setembro, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, da que dá cumprida recensión por duplicado a poeta viguesa Marta Dacosta en Terra e Tempo e no seu blog Acuática, non sendo esta a primeira vez que rememora á sua colega coruñesa. 

Dende este blog, pola banda que me toca, retomo os especiais onde os deixamos, aló polo mes de abril, sen renunciar á esperanza de acadar os doce números que farían un calendario completo, e para iso nada mellor que contar coa colaboración gratísima de quen, coma min e outra tanta xente, sempre a recordou: a propia Marta Dacosta, a quen dende estas liñas recoñezo o meu sincero agradecemento.

Así pois, sen máis preámbulo, podedes descargar aquí este especial número 3, que abarca dende abril a outubro, longos meses de vento e choiva que se sucederon repartindo o espazo con algunha que outra felicísima raiola de sol, que rexurdían de cando en vez coma remoles das brasas relucentes. Talmente coma reler a Luísa.



Inclúo ademais a ligazón ao Álbum de Mulleres, dependente do Consello da Cultura Galega, onde poderedes reaxustar as vosas informacións sobre a nosa poeta.


20 mar 2014

A sementeira de Luísa Villalta: nova primavera para esta terra

Dicía Álvaro Cunqueiro que no seu epitafio lle gustaría que se sinalase que coa súa obra "fixo que Galiza durase mil primaveras máis". Posiblemente ese epitafio podería engadirse ao de Luísa Villalta, que sementou en vida bo gran para esta terra súa tan amada por ela. Neste especial que hoxe vos traemos, coa nova primavera, incluímos un texto de Luísa no que fala dun dos seus espertares na Coruña, a recomendación dun libro do referido Álvaro Cunqueiro que a poeta coñecía moi ben (en 1992 publica con Laiovento O Don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral), e unhas emotivas palabras de Isabel Aldao Losada que recoñecen, precisamente, todo ese bo gran que Luísa sementou. E que fixo que nesta terra súa, sen dúbida, medre a esperanza de ver agromar mil primaveras máis. De momento, xa imos gozando esta que acaba de entrar acompañadas da lectura dun fragmento dun texto de seu que chama a espertar do noso sono o mesmo que os versos de Pondal.



Ademáis, deixámosvos a ligazón da información biográfica e bibliográfica que podedes atopar na Biblioteca Virtual Galega.


6 mar 2014

10 anos sen Luísa

O 6 de marzo de 2004, espertamos coa nova da inesperado falecemento de Luísa Villalta. Velaquí a nosa homenaxe a Luísa no 10º aniversario daquela triste partida: STABAT mater dolorosa.


A continuación, deixámosvos a imaxe do poema, que formou parte dunha exposición de mulleres literatas galegas.