24 oct 2014

As xanelas das nosas escritoras

[Esta é a crónica persoal da mesa redonda sobre blogueiras no Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo, que tivo lugar o martes 21 de outubro de 2014, na que eu mesma participei]

A escritora non é un ente fantasmal pechado entre catro paredes e afastado do mundo, senón que, como as empresarias, as coidadoras da casa, as artesanas, as labregas, as obreiras, etcétera, forman parte do noso tecido social. Non quedaron atrás, sepultadas polo peso de grandes tomos de papel nin cegas polo lume das candeas. Viven aquí e agora, neste século e neste país, e abren xanelas dixitais para que poidamos coñecelas a elas e/ou o seu traballo. Iso era algo que podiamos intuir sinxelamente accedendo á rede internet e comprobando o grande número de blogs e sitios web que albergan espazos rexidos por maleducadas amigas e coñecidas. Non obstante, unha cousa é intuílo e outra comprobalo ao departir con dúas delas nunha mesma mesa sobre este tema, este 21 de outubro en Vigo.

Blogueiras en Vigo este martes 21 de outubro. 
Fonte: Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo


Marta Dacosta e Raquel Pazos falaron inspiradas das súas propias xanelas, os blogs Acuática e Auga nos labios. Xorde Acuática en 2007 como xanela aberta na que amosar exclusivamente un horizonte literarioa través da experiencia que a poeta acumula: conmemoracións, recitais, reflexións, pegadas de libros inéditos que quedaron no tinteiro... un xeito eficaz de comunicar con lectoras e lectores de todo pelame e incitar curiosidade sobre a súa produción poética sen chegar a expoñela, xa que habitualmente fica agochada tras do veo dixital por unha cuestión técnica: a necesidade de preservar o anonimato dos versos de cara a posibles concursos, e a de protexer os dereitos que como autora lle competen unha vez publicados os poemarios. Auga nos labios, pola súa banda, nace, disentindo coa óptica de Acuática, para dar a coñecer de primeira man a quen navega pola internet a obra da súa autora, que ven publicando retallos de seu no seu blog segundo a velocidade que lle impón o seu propio maxín, como latexos de ritmo indefinido dentro do corazón da súa creatividade. A poesía flúe como un río de auga nos labios da súa autora para nós, que estamos do outro lado da pantalla, e quizais tamén para ela, xa que cada blog, máis que unha xanela, é para Raquel unha casa propia que reflicte a personalidade de quen o administra e atende as súas necesidades.

Curiosa é esa atracción polo líquido elemento que abrolla na mesma cabeceira dos espazos, a Acuática de Marta Dacosta, talvez como ser ondulante que nace e vive mergullada nun mar de letras, e esa Auga nos labios de Raquel Pazos, que sacia a sede poética da autora (e de quen lemos os seus versos) ao abrir(nos) os ollos á (súa) realidade. Por que a auga?, como preguntou unha abraiada participante da xornada, e autora do blog dos relatos de Raquelia... Agua (en castelán). A iso habedes responder vós, que non vos vou dar todo feito.


E chega a miña quenda mentres penso nesa xanela, nesa casa... mentres que Maleducadas e este mesmo espazo no que agora escribo, 100% Maleducadas, para min, son unha escola de continua aprendizaxe, onde recompilar ideas, onde facer reclamacións, onde compartir coñecemento e ordenar a marea de pensamentos maleducados que me atafegan en prol desa promoción de todo o que as literatas veñen producindo. Nin a súa orixe nin o seu desenvolvemento responderon a necesidades estritamente persoais, alén do meu gusto pola lectura e o meu verme interior escribinte e unha inquedanza hipotética arredor da invisibilidade das mulleres escritoras que, desafortunadamente, veño de confirmar publicación tras publicación. Un blog persoal, para min, non atendería a etiquetas, sería ecléctico, movido pola rabia ou a paixón do momento, polo maremoto que xorde xigante e inesperado cando algo toca a fibra durmida da imaxinación. Mais sinto que de cando en vez aínda se precisan hogano voces maleducadas, que metan o dedo na inapreciable chaga da desigualdade neste universo de letras. Por iso sigo aquí, non sei por canto tempo, porque me obriga só a miña propia ética, que ás veces é preguiceira e esquiva. Por se mañá non volvo, non deixedes de loitar, amigas maleducadas, por que vos vexan e vos escoiten, porque cuspan as vosas palabras con aglaio ao decatarse de que a vosa propia xanela, a vosa casa de historias encantadas, é tan rica e diversa como a de calquera, máis alá, por moi parvo que isto nos soe, de toda raza, relixión ou sexo. 

Iso interioricei este martes en Vigo, e por iso volo comparto. Non deixedes, en conclusión, de mirar a través das fiestras que as nosas escritoras nos abren, porque moitos tesouros poden ocultarse detrás delas. Déixovos aquí algunhas das miñas favoritas para que vos deades un próspero paseo virtual. Se non abondan, pasádevos polo Directorio Maleducado. Coido que ata aquí, por hoxe, vale.

No hay comentarios:

Publicar un comentario