2 dic. 2013

Galegas en México

A última incorporación da Real Academia Galega, Fina Casalderrey, e a nai do dragón galego máis versátil de todos, Elena Gallego Abad, maleducada amiga nosa, marcharon hoxe a México para participar na Feira Internacional do Libro de Guadalajara levando con elas o espírito da literatura infantil e xuvenil que nos é propia. Para Elena é a primeira vez, mais Fina estivo por alá no 2009. Xunto a elas, haberá outros centos de escritores… e escritoras, abofé! Porque, ademais, na FIL de Guadalajara as escritoras teñen un espazo propio: falamos do galardón sor Juana Inés de la Cruz, específico para novelas en español escritas por mulleres e que recibiron, entre outras, Marcela Serrano, Laura Restrepo, ou Gioconda Belli. Para a nosa sorpresa, una galega, Cristina Sánchez-Andrade, alzouse co premio en 2004 pola obra Ya no pisa la tierra tu rey, ante o que presentimos un certo silencio ao respecto que quizais sería outro de ser home o premiado. Ou non. Talvez é que co tempo nos volvemos suspicaces. De deberes propoñémonos coñecer algo máis dela.

Volvendo a Fina e Elena, que farán en terras ultraoceánicas as nosas valentes e adiantadas escritoras? Se seguen a pauta da primeira visita de Fina Casalderrey á cita, un feixe de cousas do máis interesantes! Mais a principal delas será o encontro cos lectores e lectoras, rapaces e rapazas que teñen festa na escola eses días para aprender no propio recinto da Feira, en vivo e en directo, a emoción da literatura. Xenial!

Fina Casalderrey
Autoría: Arquivo Aelg (2009)
Fonte: Páxina da AELG
Elena Gallego Abad
Autoría: Eduardo Castro Bal (Ollo de Vidro-ACAB) (2013)
Licenza:
  CC-BY-SA 3.0
Fonte: Páxina da AELG


Como última curiosidade (atención, Bibliotecaria Maleducada!), as bibliotecarias e bibliotecarios teñen tamén as súas propias actividades e galardóns. E é que nunha Feira do Libro que se prece non podían faltar un dos seus sectores profesionais principais!

Fontes: