25 jun 2013

Uxía Casal, tecedora de soños e realidade

Por recomendación de María Reimóndez, grande maleducada onde as haxa, hoxe dedicámoslle unha entrada neste blog á escritora galega Uxía Casal. Nacida en Compostela, exerce de profesora de galego en Ourense por moitos anos e, tras xubilarse, vai parar a Riveira, onde reside actualmente. Con numerosos contos escritos para nen@s e rapac@s ben repletos de fantasía e ciencia-ficción, entre os que se atopa O faro de Arealonga, publicará en solitario e orientado a lector@s adult@s (malia que non gustamos por estes blogs demasiado desas etiquetas), un volume de relatos inquietantes, Vidas exemplares. Tamén ten colaborado en obras colectivas.

Quen conducimos este blog decidimos poñernos mans á obra e internarnos nas profundidades da obra literaria para coñecer mellor a escrita da autora, e como non coñecemos outro método mellor para acadar o noso obxectivo fixémonos con senllos libros da autora e puxémonos á lectura. Mentres a Bibliotecaria Maleducada exploraba a contorna do faro de Arealonga, eu apostei por espiar unha vintena de vidas exemplares do máis peculiares, por certo. Grazas a iso, o presente artigo está vertebrado en dous apartados, que foi o que nos pediu o corpo respectivamente tras cadansúa lectura. En primeiro lugar, a miña compañeira aporta unha breve reseña, con algunha impresión, de O faro de Arealonga, e eu, pola miña parte, decanteime axiña por reunir o feixe de reflexións que me suscitaron os vinteún relatos de Vidas exemplares, listos para completar unha entrada sorpresa deste club de lectura noso 100% maleducado.

MINIRRESEÑA DE O FARO DE AREALONGA ESCRITA POLA BIBLIOTECARIA MALEDUCADA
O faro de Arealonga 
Historia de misterio e aventuras que relata a volta de Rosalía como xornalista aínda inexperta á súa vila natal, onde se atopará cunha serie de feitos inexplicables. Lectura, ao meu ver, axeitada para rapaz@s e non tan rapac@s onde, sen decatarte, a escritora che fai reflexionar sobre un feixe de temas actuais, como a discriminación polo físico, as dificultades cotiás para persoas con discapacidades, nomeadamente a acondroplasia (un tipo de ananismo), as relacións familiares e laborais, o descoñecemento sobre da vida de xente que temos ao lado, a globalización, a pegada que deixou (e deixa) na costa galega o narcotráfico,  a espionaxe, a investigación científica de vangarda, os límites éticos dos avances científicos… Sigo? Por suposto, como literatura que é en moitos casos a acción vese mesturada fortemente coa ficción científica, pero isto só contribúe a facer máis sorprendentes e inesperadas as respostas a todas as preguntas que o relato vai formulando.
(minirreseña da Bibliotecaria Maleducada)

CADRO DE REFLEXIÓNS ARREDOR DE VIDAS EXEMPLARES ELABORADO POR DÚAS LÚAS

Como eu non son moito de reseñas, nin tan sequera minirreseñas, hei tentar expoñer, coma sempre ideo nas entradas do Club 100%, moitvos para a reflexión arredor de Vidas exemplares. OLLO: non garanto o segredo de composición… (que pode haber o que chaman spóiler, entendámonos).

En xeral, Uxía Casal apúntase moitos tantos nesta compilación de Vidas exemplares, que destacarei relato por relato no cadro que seguirá a este parágrafo, pero sobre outros diría que se trata dunha literatura densa (cada relato, na súa brevidade, interpreta prodixiosamente unha partitura de moitas voces) que se centra máis no marabilloso e estraño que no puramente fantástico, que gosta de confundir constantemente o real co imaxinario, e que xoga dun xeito abondoso cos finais abertos, permitindo á lectora (neste caso) coarse, como na xanela indiscreta, en vidas alleas… malia que non sempre demasiado exemplares. De feito, poida que sexa pampiña pero non acabo de entender o título que engloba aos vinteún relatos resultantes: Vidas exemplares? Penso que o entendo pero tamén penso que non o entendo. Dende aquí fago un chamamento para preguntarvos se lestes o libro e quedastes tamén ou non con esta sensación. Mais si, deixamos xa as xeneralidades e concretemos: imos co cadro, que será o que máis vos interese (ou non) para disecar o noso obxecto de estudo literario; os relatos de Vidas exemplares, un por un:

Relato (valoración  persoal, ♥  = do mellor; Ø = do peor)
Impresión (en negriña, o eixo do relato)
E Branca non me cre
O tema dos homiños, seres humanos ou cando menos seres á súa imaxe e semellanza en miniatura, é un tema recorrente na literatura universal polo menos dende aquilo de Lilliput. Tamén en castelán hai quen xoga coa idea, por exemplo, Juan José Millás en Lo que sé de los hombrecillos. Series televisivas tan populares coma Os Simpson exploran asemade esta posibilidade.
Conversa na escuridade
Este relato de transfundo apocalíptico ao máis puro Sci-Fi, fala duns seres mutantes con respecto a nós e inconscientes de que o son que capturan a outros seres e temen ser capturados á súa vez por un tal (e terrorífico) Chucco, con ar de monstro mitolóxico.
Tres tristes tigres Ø
Unha historia de pantasmas e infanticidios:  excursionista perdido nun bosque chega a unha solitaria mansión na espesura habitada por tres vellos (dous homes e unha muller) que, sen darlle ocasión a explicarse, falan e falan de feitos arrepiantes que coñecen de primeira man…
O intruso
Triángulo amoroso: un home sente celos… do can, converténdose nun rival pola atención da compañeira. Máis que un relato de amor, eu cualificaríao case de antiamor. O tema do can interferindo relacións de parella tampouco é novo: pode atoparse, entre outros, nas páxinas de Que me queres amor? (de Manuel Rivas), no conto de “Carmiña”, que aparece fielmente reflectido na película de José Luis Cuerda baseada no libro.
O pazo de Galdán
Moi resumido: relato de “non movas o marco que te mato” e de pazos que non son dos donos (Meirás?), pero, por riba, dun xardín paradisíaco que debido a un misterioso pacto co demo os habitantes da señorial edificación non poden pisar (Adán e Eva?)..
Futuro hipotético
Un home pensa como sería se a muller estivese con el… mais ela non está (polo menos enteira) porque foi vítima do crime macabro e uxoricida do primeiro. Unha chamada de atención contra a práctica indiferenza ante a violencia machista? De feito, só en España hai xa máis de trinta mulleres mortas, MORTAS QUERE DICIR ASASINADAS, por esta causa no que levamos de ano (de xaneiro a xuño), sen profundar noutros factores.
Non están de moda
Pese a que matar está mal e quizais é no contexto un pouquiño esaxerado, bravo por esa dependenta que alza a cella ao máis puro estilo DMF (referencia interna para profesionais de bibliotecas) ante a tiranía materna (pobres, sempre calando e tragando ante clientes como as coitadas bibliotecarias ante usuari@s…). Mágoa que ela mesma semelle escravizada pola tiranía da moda
Querido Martiño
Velaquí un relato de misterio, aberto de principio a fin, de beata que podería non ser tal descuberta a través da autocorrespondencia de quen da título ao relato. Pon no gume da navalla as falsas aparencias e a hipocrisía.
Área de descanso
Para min este relato non é un relato senón que pasa a transformarse nun momento dado no chiste este no que vai un no coche e recolle a un autostopista que resulta ser un asasino.  Non debería parecer chiste, pero contábanse algúns así cando eu eran meniña, de escoitar pola radio que escapou un asasino, e non era lenda urbana, prométoo, de meter medo, senón que por algún motivo acababas escachando coa risa. Quizais por iso non o tomei moi en serio, aínda que hai algún xiro interesante arredor da ambigua identidade dos protagonistas: quen é en realidade o asasino?
Mar de fondo
O fantástico (máis marabilloso, diría eu, como xa indiquei máis arriba) irrompe no real; o mar irrompe na terra (ou a terra no mar?, sempre a ambigüidade). En poucos parágrafos transita un triángulo amoroso fabuloso (con seres mitolóxicos incluídos) e lésbico (reivindicación de normalidade para as relacións LGTB; ao cabo, resulta máis doado aceptar estas que unha relación na que aparece polo medio unha serea, ou non?), de novo os celos (coma en O intruso),  e a afabilidade xunto coa mudez (e silencio) fronte ao mal humor e os ultimátums belicosos.
O sorriso de Tadeu Ø
Buff… con este non puiden porque fala de persoas con dúas vidas, unha na casa e outra no traballo, e por riba… banqueiros! (síntovolo, banqueiros, pero ultimamente saídes moito nos telexornais). Finalmente, o protagonista desas dúas vidas, que tiña un perenne sorriso no rostro con toda probabilidade tatuado, logra zafarse das dúas e vivir con liberdade. Se cadra non acabei de entendelo.
A visita
Un home da conta das súas fantasías sexuais (todo light, non vaiades pensar) para acabar descubrindo que estamos ante un vello dos que chaman verde por flirtear con rapazas novas ás que coñece porque a súa muller, vella coma el, está hospitalizada. Un relato agridoce sobre a vellez.
Eu acuso
Facendo uso de novo do recurso da Sci-Fi ou mais ben da Social-Fi, a autora aproveita o relato dun neno asasino (crimes de menores) nunha hipotética sociedade na que o rapaz está integrado nunha tribo de cativos que viven en sumidoiros; denuncia social en toda regra sobre a situación da infancia desesperada na que viven moitos nenos de hoxe en día.
Un reino deste mundo
Cóctel de relixión, éxtases, monxas e travestismo que resulta máis aterrador se cabe porque practicando zapping televisivo o outro día parei a mirar un programa de monxas reposteiras que falan e falan mentres cociñan (ben, en realidade unha fala e a outra asinte) e viñan contando dunha ocasión na que timbrou unha persoa interesada en ingresar no convento movida por unha profunda vocación… que acolleron alborozadas ata que se decataron de que os cromosomas da persoa eran XY e non XX como pensaban… cousas que pasan intramuros.
Non hai plans perfectos
Outro cóctel temático: un ludópata caído en desgraza que oculta sentimentos asasinos, falsas aparencias, amores que agretan amizades, chamadas telefónicas intempestivas…
Feliz aniversario
O amor é cego (e inesperado, e doloroso, e inconsciente, e todo o perdoa –que bíblico me quedou isto último); mais en concreto refírome ao amor aos animais. Rañando máis no fondo podemos mencionar o instinto salvaxe que agochan os animais (e lembro que as persoas o somos) e que agroma cando un menos o espera. Menciónase  a Cortázar, Julio, do que, sen ser unha moi intelixente, podemos presumir influencias ao longo deste relato e da obra en xeral.
Presente imperfecto
De novo protagoniza o relato un rapaz inquietante, autor (ou iso se deixa entrever) dun crime na infancia (como xa ocorrera en Eu acuso), consecuencia de continuos malos tratos, o que evolucionará nunha complicada adolescencia marcada polo illamento que culminará (desgraza sobre desgraza) nun accidente de tráfico.
Moi fráxil
Neste relato coñecemos a unha familia mal avida, marcada pola incomprensión das diferenzas (coma a síndrome de down), por unha desconfianza absoluta e pola inminencia dun crime.
Trafegas na aurora boreal
Un relato trasnoitador, de ambiente escuro, clubs nocturnos, prostitución, negocios turbios e, como non podía ser doutro xeito, crimes de conveniencia amparados por un elemento sobrenatural: a transmutación de almas.
O regreso da enviada
Relato que conecta por sorpresa cun dos primeiros, Conversa na escuridade, e mantén o transfundo apocalíptico do devandito contrastando os puntos de vista das personaxes, sospeitosamente masculino versus feminino, e onde se agarda que Chucco ataque de novo, ou non.
Game Over. Insert coin
Unha achega á adición tecnolóxica, neste caso aos videoxogos, que permite profundar na ludopatía, nas relacións paterno-filiais, nos desastres meteorolóxicos, no Home contra a Natureza.. e na constante e permeable barreira entre fantasía e realidade.

Conclusión: Uxía Casal, altamente recomendable. Para comezar a lela, ou seguir a lela segundo o caso, insert coin ou tarxeta de biblioteca...

POST OVER

No hay comentarios:

Publicar un comentario