24 abr. 2013

As Universidades tamén len

Estes dous días pasados, 22 e 23 de abril, formei parte do público dunhas xornadas adicadas á marabillosa capacidade de ler organizadas pola Facultade de Educación da Universidade da Coruña, inserida na Rede Internacional de Universidades Lectoras. Así o comunicaba o xornal La Opinión de A Coruña:
O primeiro dos días, o luns 22, falou o profesor de metafísica Ángel Gabilondo, que, como a súa especialidade indica, deleitounos cunha conversa transcendente arredor do poder do logos, da palabra. O tamén ex-ministro teceu palabra tras palabra tras palabra cun maremágnum verbal que se presentou baixo o epígrafe "Darse á lectura! (ou eloxio da palabra escrita)". E desvelou a esencia de ler como un moverse, un motivar, un emocionar... A lectura como saúde, como escritura na alma xordida tras a curiosidade á que inducen as palabras. E falou do ler como elixir, do ritmo, da respiración da lectura, zugando aquí e alá, cal laboriosa abella, mencións a Nietzsche, a Antonio Prieto e o seu Secretum, ao Fedro e ao Banquete platónicos, a Descartes, a José Ángel Valente, a María Zambrano, a Paul Valéry, a Milorad Pavić... E rematar descubríndonos que o autor (ou autora) é o primeiro lector (ou lectora), e a lectora (ou lector) a última autora (ou autor). Porque, ao cabo, o autor/a le libros non escritos ou, o que ven sendo o mesmo, escribe...

Despois falou Andoni Calderón, experto en ALFIN, bibliotecario da Universidad Complutense de Madrid e responsable do blog Si no lo leo no lo creo, explicando toda a forza do ler dende tempos inmemoriais ata a actualidade para irlle dando forma a unha idea que daba título á súa ponencia: "As bibliotecas universitarias e a promoción da lectura coas TIC", quen tentou demostrar que estamos na prehistoria dunha nova forma de ler, dado que o lector/a transfórmase en lectoespectador/a coas novas tecnoloxías. Tentou tamén aguzar a nosa mente para descubrir o acto de ler nos recunchos máis inesperados, porque a lectura non é só literatura, e menciona como exemplo disto a Chema Madoz, fotógrafo de prestixio, que nunha das súas creacións ilustra as Greguerías de Ramón Gómez de la Serna. Segundo os mandados dos dereitos do lector, e mesmo os clásicos axiomas ou leis do matemático e bibliotecario Ranganathan que tod@ bibliotecari@ coñece (verdade, Bibliotecaria Maleducada?), Calderón reivindicou que o canon lector ("isto gústame, isto non me gusta...") pode e debe establecelo cada persoa para si mesma. Ademáis de eloxiar o texto dixital seguindo o exemplo de José Manuel Lucia Mejías, o hipermedia, a rede e as CI2 (Competencias Informáticas Informacionales), resaltando que o contido independizouse, en certa medida, do continente, non por iso deixou de mencionar (moi someramente, que o tempo botóuselle enriba) como se anima á lectura nas bibliotecas das facultades, por exemplo, coidando a colección de ocio ou organizando actividades arredor de lecturas obrigatorias. Malia tanto falar de textos dixitais, non esqueceu repasar o nome dalgúns autores cuxas obras naceron primeiramente en papel, como Miguel Hernández, José Agustín Goytisolo ou Alberto Manguel.


Tras eles, un dos organizadores do evento, Héctor Pose, falou da Rede Internacional de Universidades Lectoras, dentro da que se enmarcaban estas xornadas.

Onte, martes 23, foi quenda para dous coloquios: un, conformado polos lectores Consuelo Bautista (xornalista radiofónica), Quico Cadaval (actor e contista, entre outras cousas) e Fernando Vázquez (adestrador de fútbol de primeira división) e, o segundo, polos escritores (ou, cando menos, en calidade diso viñan) Tonhito de Poi (polifacético galego coñecido polo seu paso pola banda de rock bravú Heredeiros da Crus), María Solar (outra todoterreo, neste caso do audiovisual galego, que completa o seu perfil coa escrita) e, a carón deles, Anxo Fariña, que tampouco lles anda á zaga aos outros dous xa que, ademáis de escritor, é tamén ilustrador e deseñador.

O luns non levei cámara, pero onte si, así que, en canto me sexa posible, editarei uns pequeniños fragmentos de vídeo que grabei, mais xa podedes gozar dunha galería fotográfica do evento picando na seguinte ligazón:


Dende o punto de vista maleducado, as dúas intervencións máis substanciosas foron as de Concha Bautista e as de María Solar. A primeira, porque falou da súa experiencia persoal como lectora en xeral e como lectora de mulleres en particular. A segunda, evidentemente, polo feito de ser muller e escritora a un tempo, e porque nos falou dalgunhas das súas creacións literarias.

Intervención de Concha Bautista


Falou a xornalista con toda a sensibilidade que a asolagaba neses intres da súa historia lectora dende os inicios, con Enyd Blyton, ata o presente, repasando polo camiño lecturas en prosa e verso, de ficción e non ficción. E mencionou a escritores, si (a Mark Twain, a Mario Vargas Llosa, a Gabriel García Márquez, a Eduardo Blanco Amor, Ramón Otero Pedrayo, Carlos Casares, John Irving, José Luis Sampedro -que, a carón de obras mestras da literatura escribiu ensaios proféticos como El mercado y la globalización-, Paul Auster, Julio Llamazares ou Miguel Delibes, por se estivestes onte naquel salón de actos e perdestes algún nome), pero falou tamén do que a nós nos toca máis de preto, delas, das maleducadas, das mulleres que escribindo lograron que a lectora que era Concha Bautista no momento e lugar determinados comprendese que significaba iso de ser muller, de sentirse sen entendelo un paso por detrás dos que se din homes, e non obstante grazas a podelo ler puido dar ese paso adiante para observarse tal e como eta, e tal e como podería ser.

E a quen lle debe Consuelo Bautista, segundo contou, o seu recoñecerse como muller? A Karen Blixen, coas súas Memorias de África, a Carmen Martín Gaite e a Rosalía de Castro, a Emily Dickinson, poeta estadounidense contemporánea da galega, Almudena Grandes, co seu grande tamén Inés y la alegría, a Jane Austen e o seu (así, en inglés), Pride and Prejudice. E por suposto, con elas, a inmensas ensaístas como Simone de Beauvoir e o seu xa clásico e vixente O segundo sexo ou á Clarissa Pinkola Estés de Mulleres que corren cos lobos (non sabemos se está traducido ao galego, pero si ao castelán como Mujeres que corren con los lobos).

Intervención de María Solar


E que dicir da intervención de María Solar? Sinxelamente, que reivindicou a dignidade da literatura infantil e xuvenil, dentro da que se enmarcan os seus últimos éxitos como A verdadeira historia da mosca da tele ou As meigas de Lupa, que está a piques de ver a luz nunha segunda edición da que adiantou en exclusiva que irá acompañada da banda sonora que lle compuxo, para a súa marabilla, un lector, e comentou en varias ocasións que seguro que entre o público se agochaba algún ou algunha escritor ou escritora. E alí estaba eu pensando, non sabes canta razón tés, eu, que veño de publicar Ninguén lembra, para que teña interese en sabelo (e para quen non, pois xa escrito está).

Ao remate, abofé, tras o pracer de escoitar a María Solar, non puiden menos de achegarme a saudala e pedirlle unha dedicatoria para o meu exemplar de As meigas de Lupa, que xa vai tamén dedicado para tod@s vós, que nos ledes. Se non me credes, botádelle un ollo á proba fotográfica que adxunto...


E logo deste longo post (para compensar en algo a brevidade do que colguei onte), déixovos coas vosas felices lecturas, querid@s maleducad@s. ¡Seguímonos!

23 abr. 2013

Volvede máis tarde

Buff... Ola, ola, xa sei que é o día do libro, pero precisamente por iso hoxe estou moi ocupada: teño un na man esquerda mentres escribo a un só dedo coa dereita! Nada, déixovos. Pola tardiña vos conto o que planificamos entre a Bibliotecaria Maleducada e máis eu para festexar a data. Que si, que si... Que agora estou a ler embebida... Vinde á noite, mellor aínda, que isto está imposible de ceibar...