28 may. 2012

¡Quieto todo el mundo!

Voume ter que poñer seria, porque aquí todo o mundo é máis maleducado que as blogueiras que xestionamos esta bitácora e pasades das propostas que vos facemos. Que non comentades que lectura vos faría ilusión ler? Non hai problema! Golpe de Estado Maleducado! Saco de libro e a berrar: se lean coño!


Pois iso, que nesta entrada implantamos a ditadura maleducada e impoñémosvos a obriga de ler (ou reler) O segredo da pedra figueira, onde María Xosé Queizán recupera a historia de Lazo, unha rapaza de doce anos que emprende viaxe coa súa tribo dos Amala desde a illa de Rocasul cara ao Sur. No barco, a avoa Sensatanai cóntalle a historia dos terroríficos Lurpios, que botaran a tribo da illa de Tule por atopar unha espada coa que mataron o Gran Dragón...

E xa non vos contamos máis! Quedades convocad@s a un debate aquí mesmo dentro de aproximadamente un mes! Seguiremos informando! Disólvese a sesión e rendemos as armas...

18 may. 2012

Club 100%: lectura 100% maleducada

Un día despois da "inauguración" é momento de vos propoñer unha primeira lectura maleducada en galego. Que vos gustaría ler? A nosa idea é comezar devagar, cun certo aquel de morriña dos libros escritos por mulleres que lemos na nosa nenez e aínda non esquecemos, e como un xeito de ir quentando motores e prepararnos para próximas lecturas "adultas" (rínchanme os dentes pola expresión, pero que lle imos facer: non se me ocorreu outra). Pregúntome que vos parecerán as nosas suxestións e se as (re)coñecedes. Botades en falta algunha?



17 may. 2012

Máis Maleducadas ca nunca

Ola a todas e todos, queridiñas e queridiños maleducados, dende este nova sucursal nosa que abre ao público galegofalante (e a quen goste de ler na nosa lingua) nun día tan sinalado coma o 17 de maio, día das letras galegas elixido entre os outros centos de días porque un 17 de maio unha grande maleducada, Rosalía de Castro, publica Cantares gallegos, o que marca un fito na historia da literatura galega. 

Con este novo espazo buscamos encher o oco da promoción de escritoras galegas que reclamamos coma un dos obxectivos orixinais de Maleducadas, pero ao ir avanzando no tema da literatura escrita por mulleres decatámonos de que todas, sen distinción de lingua, precisaban un altofalante que as visibilizase. É o noso un altofalante pequeno, non chega a millóns, nin sequera a milleiros, de persoas, pero é un altofalante que emite unha mensaxe sen distorsións: queremos que se vexa o traballo maleducado (isto é, que non contou durante séculos co visto e prace da sociedade) das nosas escritoras.

Aínda que o traballo se nos multiplica, a pesar de que seguimos a ser só dúas formiguiñas, seguimos abrindo espazos para vós, e dicímolo contentas do que levamos camiñado, por iso eliximos para esta presentación unha tamaño de letra coloSAL. Velaquí estamos xa para ofrecervos unha nova fiestra ás nosas literatas, máis maleducadas ca nunca: 100% maleducadas!!!

Seguímonos, maleducad@s, tamén en galego! E benvid@s!!!