11 dic. 2012

Club 100%: 2ª lectura: Reckless. Carne de pedra

Tras un campionato longo e esforzado de literatura de aventuras e fantasía en galego, non abandondamos de momento a nao desta temática porque chega unha vez máis o noso club 100%, de lectura 100% maleducada e na lingua deste país de brumas, con máis brumas se cadra neste mes de decembro, propicio para quedar na casa, sentar no sofá cunha mantiña, e darse á lectura. Aproveitando tan idóneas condicións, convocámosvos á segunda lectura, Reckless. Carne de pedra, de Cornelia Funke, como xa dixemos na mesma liña de aventuras e fantasía que as que participaron no campionato porque a boa fortuna quixo que mantivesemos unha maleducada conversa con María Xesús Bello, a tradutora do libro. O debate ou actividade sobre a lectura publicarase dentro de aproximadamente un mes. Aquí mesmo podedes ler os datos da obra elixida, extraídos directamente da ficha da editorial:
FUNKE, Cornelia. Reckless. Carne de pedra / trad. María Xesús Bello Rivas. Vigo: Xerais, 2010.  
Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil/Infantil traducido ao galego, 2010
Jacob Reckless cometeu un erro: despois de moitos anos de precaución, seu irmán Will cruzou o espello e foi tras el... a un mundo no que os contos máis tenebrosos se volven realidade e no que a maldición dunha fada sementa carne de pedra. Ese mundo foi fuxida e fogar para Jacob durante moitos anos e nel andou por fragas e outeiros na busca de obxetos máxicos para reis e emperadores.Pero cando a pel de Will se transformaen xade, Jacob marcha na procura dunha única cousa: a menciña que salve a seu irmán.

10 nov. 2012

FINAL DO CAMPIONATO DE LITERATURA DE AVENTURAS E FANTASÍA EN GALEGO

No meu nome e no da miña compañeira, a Bibliotecaria Maleducada, moitas grazas por seguir este campionato. Sei que estades impacientes porque dea comezo o partido final do noso campionato, así que sen máis demora vos deixamos con Yannika, que retransmitirá o encontro xunto cos pequenos intérpretes dos himnos dos Amala e do Santa Cruz de Ribadulla e... unha sorpresa que chegará no descanso! Grazas a todas as maleducadas persoas que retransmitiron o campionato! Como somos conscientes de que a súa dicción non é demasiado clara, avisamos dende agora que en breve poñeremos á vosa disposición un documento coa transcripción do campionato. E xa nos despedimos desexándovos que gocedes do partido! Saúdos maleducados! ;)

9 nov. 2012

8 nov. 2012

OS PENALTIS REVELARON OS EQUIPOS FINALISTAS

Tras unha primeira parte de campionato igualadísima, tiveron que ser senllas tandas de penaltis as que decidiran que pasaron á fase final. Coas enquisas pechadas, as que viñeron imitar as tandas de penaltis no noso campionato, o partido será entre os Amala, equipo fundado por María Xosé Queizán (O segredo da pedra figueira), e o Santa Cruz de Ribadulla, presidido por María Solar (As meigas de Lupa). Congratulámonos, como maleducadas que somos, de que ambos equipos ostenten cabeza feminina. Dende esta entrada, desexamos sorte aos finalistas e quedámonos cunha arela: que gane o lector! (e a lectora!). Non esquezas: Mañá, AMALA VS SANTA CRUZ DE RIBADULLA!!!


E ti, de que equipo ves sendo?

7 nov. 2012

Nota informativa sobre o noso campionato

Dado un empate múltiple que impide anunciar os finalistas de cada grupo, dende este blog tomamos a decisión de recorrer a unha doble tanda de penaltis para desfacer ese empate. O método de penaltis é sinxelo: a enquisa. Os goles serán os votos que depositedes nas enquisas que se abrirán durante as próximas 24 horas ao respecto. Tira un gol para o teu equipo! Vota para levalo á final! E ti, de que equipo ves sendo?
Poder votar na páxina nai de 100% Maleducadas, a que nos permitiu colgar as enquisas:

Partido grupo 2: SANTA CRUZ DE RIBADULLA VS TERRAS DA ALIANZA

Dona Frederika está ao micrófono para relatarnos o derradeiro partido antes da gran final!



[Efectos de son: banco de imaxes e son do Ministerio de Educación]

Partido grupo 1: ARXINAS DE CIDO VS ORDE DE DRAGAL

Nesta ocasión, contamos coa voz da pequena Ilse para que nos narre o encontro!



[Efectos de son: banco de imaxes e son do Ministerio de Educación]

5 nov. 2012

Partido grupo 2: PRÍNCIPES SEGREDOS VS TERRAS DA ALIANZA

No micrófono, retransmitindo o partido, o noso amigo ucraíno Demian!



[Efectos de son: banco de imaxes e son do Ministerio de Educación]

Partido grupo 1: AMALA VS ORDE DE DRAGAL

Para retransmitir este encontro contamos coa inestimable colaboración como locutor do irmán de Boris, Friedich!

[Efectos de son: banco de imaxes e son do Ministerio de Educación]

3 nov. 2012

Partido grupo 2: PRÍNCIPES SEGREDOS VS SANTA CRUZ DE RIBADULLA

A locutora deste encontro inesquecible é a nosa amiga xermana Gerda!!!



[Efectos de son: banco de imaxes e son do Ministerio de Educación]

Partido grupo 1: AMALA VS ARXINAS DE CIDO

Para retransmitir o emocionante partido, contamos co noso amigo ruso Boris!!!


[Efectos de son: banco de imaxes e son do Ministerio de Educación]

1 nov. 2012

Queda inaugurado o noso campionato!!!

Benvida, xentiña maleducada, a este campionato noso de literatura de aventuras e fantasía en galego. Como xa saberedes, enfróntanse seis equipos, representantes de seis títulos de libros do xénero, a través de dúas liguiñas de tres e tres (agrupados mercé a un criterio alfabético) cuxos respectivos gañadores veranse enfrontados na gran final do día 9 de novembro. Hoxe, como é o día de inauguración, limitarémonos a presentar aos equipos coma en todo campionato que se prece dándolles a benvida e, a partir de mañá, dará comezo o bo! Tomade asento e gozade do espectáculo!


Como vedes, os equipos participantes son os que seguen (como se dixo, agrupados por criterio alfabético):

GRUPO 1 - GRUPO 2
a. Amala - a. Príncipes Segredos
b. Arxinas de Cido    -    b. Santa Cruz de Ribadulla
c. Orde de Dragal - c. Terras da Alianza

Para que non perdades un partido, velaquí tedes o calendario oficial do campionato:

1 novembro: inauguración


3-7 novembro: liguiñas
   3 de novembro: 1ºs partidos --> equipo -a VS equipo -b (grupos 1 e 2)
   5 de novembro: 2ºs partidos --> equipo -a VS equipo -c (grupos 1 e 2)
   7 de novembro: 3ºs partidos --> equipo -b VS equipo -c (grupos 1 e 2)

9 novembro: gran final (vencedor grupo 1 VS vencedor grupo 2)

Ademáis, para que non queden dúbidas, debedes saber que a puntuación dos encontros para definir aos gañadores de cada grupo corresponderase co seguinte código:

perder = 0 puntos ; empatar = 1 punto ; gañar = 2 puntos

Explicado todo o anterior, non queda máis que desexar moita sorte aos participantes, e que gañe o lector! (ou lectora!). Como colofón, deixámosvos co vídeo publicitario oficial do noso campionato!  
Seguímonos tamén en galego, maleducad@s!


19 oct. 2012

Elena Gallego Abad: "Os dragóns condensan toda a maxia do universo"


Elena Gallego Abad, a “presidenta”* do equipo Orde de Dragal**, que este verán presentou a última estratexia de xogo co selo persoal do dragón galego, concedeu unha entrevista a Maleducadas co gallo do campionato de literatura de aventuras e fantasía en galego que terá lugar o próximo novembro.

Elena Gallego Abad presenta a
aliñación do Orde de Dragal**
Maleducadas. Bo día, Elena. Que che parece esta iniciativa? Que esperas deste campionato?

Elena. Gustaríame que servise como plataforma para dar a coñecer a nosa fantástica literatura entre o lectorado. En galego temos grandes novelas, tamén no eido da fantasía, que descoñecemos porque se agochan nos andeis máis afastados das librarías (se é que chegan a elas, o que non sempre acontece).

M. Coñeces aos outros competidores? Lembramos que son Os Amala, os Príncipes Segredos, os Arxinas de Cido, o Santa Cruz de Ribadulla e o Terras da Alianza (cuxa historia oficial relátase en O segredo da pedra figueira, Arnoia, arnoia, O brindo de ouro, As meigas de Lupa e O morador da fenda).

E. Algún deses libros agarda quenda de lectura na miña biblioteca, a ver se remato co traballo de documentación dunha nova novela na que traballo na actualidade e dispoño de tempo suficiente. Non os coñezo en persoa, mais teño moi boas referencias de todos eles.

M. Cal é o equipo que ves con máis posibilidades de gañar o campionato?

E. Vou tirar para a casa, porque os dragóns condensan toda a maxia do universo. Gustaríame pensar que Dragal conta con todos os ingredientes precisos para conquistar a todo tipo de público. De feito, entre os seus lectores temos rapaces de dez ou doce anos pero tamén adultos interesados en ler unha novela de aventuras aderezada con retrincos da historia de Galicia e as nosas tradicións, en vivir unha trepidante aventura ao longo de case mil páxinas. A triloxía de Dragal é unha boa candidatura, coido que si.

M. Pensas que falta algún equipo importante xunto aos seis seleccionados?

E. Nos últimos anos estanse editando cousas moi interesantes. Por poñer un exemplo, haberá que estar pendente da nova saga de  Fernando M. Cimadevila, que ten publicado “O mundo secreto de Basilius Hoffman” e promete catro títulos máis.

M. A nivel internacional, contra que equipo che gustaría xogar un amigable?

E. Xa postos a pedir, gustaríame que Dragal chegase a grandes ligas nas que militan best sellers como Harry Potter.  Se o Celta de Vigo chegou a xogar na Champions League, por que non?

M. Neste campionato, cales cres que son as bazas do Orde de Dragal para meterse na final e gañala?

E. Dragóns durmidos que agardan una resurrección, templos medievais que agochan simbólicos segredos, medallóns máxicos que comunican seres e mundos, herdanzas e destinos irrenunciables, bibliotecas que custodian antiquísimos libros prohibidos, as témeras augas da Poza da Moura, unha poderosa orde de vellos cabaleiros que se constitúen en fraternidade, metamorfoses que procuran seres híbridos, un xuramento de sangue inquebrantable, os arcanos da Ciencia Secreta, criptas, plenilunios e barcas funerarias, ovos alquímicos nos que a enerxía do universo se concentra”… Coido que o crítico literario Armando Requeixo resumiuno moi ben no seu blog Criticalia, hai uns días. Dragal é unha historia “vibrante, inzada de acción e aventuras”, que “convida a se perder na súa vertixe e esquecer nada que non sexa a pura pulsión da loita atávica do Ben contra o Mal”.

M. Imaxinemos que o Orde de Dragal vence aos seus contrincantes. Que pensarías se os seus seareiros se botan ás rúas a axitar bandeiras e ás estradas a meter bucinazos dende os coches? Se os afeccionados á literatura celebrasen así que un premio Nobel vai para o seu país, a lectura convertiríase nun deporte de masas?

E. Non imaxino aos seareiros do dragón galego facendo apoloxía de Dragal con bandeirolas polas rúas, pero se conseguise “enganchar” novos lectores á literatura en galego tampouco estaría mal.  O dos premios Nobel, vémolo estes días na China, celébrase esgotando as publicacións do galardoado nas librarías. Sen chegar a tanto, eu aspiro a que os seareiros de Dragal espallen a maxia do dragón e a Fraternidade siga medrando con novos dragalianos (moi pronto, no Nadal, sei de máis de un que vai agasallar a triloxía completa).

M. Moitas grazas por dedicarnos uns momentos, e se queres engadir algo, adiante: esta é a túa casa.

E. Desde aquí quixera agradecer a Maleducadas a iniciativa de “enfrontar” distintos títulos de literatura de aventuras e fantasía en galego nesta singular competición, que servirá para coñecer un pouco mellor as nosas propostas literarias. Desde aquí convido a propios e estraños a descubrir a maxia de Dragal. Seguro que en canto baixen ás catacumbas e coñezan os segredos da cripta, ou descubran os incunables agochados na biblioteca prohibida, desexarán formar parte da Fraternidade do Dragón Galego.

***

*presidenta = autora, neste contexto.
**Orde de Dragal = triloxía de Dragal, conformada polos libros: Dragal I. A herdanza do dragón ; Dragal II. A metamorfose do dragón; Dragal III: A fraternidade do dragón.

10 oct. 2012

Calendario oficial do campionato de literatura de aventuras e fantasía en galego

Despois de meses de retraso, xa temos datas para o campionato de literatura de aventuras e fantasía en galego! Anótaas e non as esquezas! Agardámoste!


9 jul. 2012

A batalla está a piques de comezar...

Levounos un mes recompilar a información sobre os seis participantes na loita (Os Amala, os Príncipes Segredos, os Arxinas de Cido, a Orde de Dragal, o Santa Cruz de Ribadulla e o Terras da Alianza), mais por fin tedes aquí a guía oficial do noso campionato, 100% maleducado, de aventuras e fantasía en galego... É toda vosa, que agardastes trinta longas e húmidas xornadas con paciencia... 

9 jun. 2012

Loita épica de titáns


Ante aproximidade da data na que publicaremos o debate sobre O segredo da pedra figueira, da maleducada María Xosé Queizán, ocorréusenos ir publicando unha serie de artigos combativos que vaian animando o ambiente. Neles falaramos de aventuras literarias tan galegas como amigas do fantástico. Consideramos que o que imos facer é unha aberración sensacional: enfrontaremos títulos que poden considerarse xa clásicos (dentro da inconcreción á que da lugar o tal adxectivo) con outros máis novos que apareceron na última década (e mesmo nos últimos meses) para fornecer de frescura as nosas letras. Os elixidos para a esta loita maleducada serán os seis que podedes ver no vídeo acompañados dunha imaxe de quen os imaxinou. Neste combate de enxeños contamos, por primeira vez nos nosos blogs, coa presenza decidida de homes/escritores, tamén para xogar de esguello, coma quen di, á irreverente guerra de sexos. Cando estes combates fantásticos rematen destacaremos un único gañador ou gañadora… quen será?

Despois da batalla, estaredes preparados para coñecer... o segredo da pedra figueira!

28 may. 2012

¡Quieto todo el mundo!

Voume ter que poñer seria, porque aquí todo o mundo é máis maleducado que as blogueiras que xestionamos esta bitácora e pasades das propostas que vos facemos. Que non comentades que lectura vos faría ilusión ler? Non hai problema! Golpe de Estado Maleducado! Saco de libro e a berrar: se lean coño!


Pois iso, que nesta entrada implantamos a ditadura maleducada e impoñémosvos a obriga de ler (ou reler) O segredo da pedra figueira, onde María Xosé Queizán recupera a historia de Lazo, unha rapaza de doce anos que emprende viaxe coa súa tribo dos Amala desde a illa de Rocasul cara ao Sur. No barco, a avoa Sensatanai cóntalle a historia dos terroríficos Lurpios, que botaran a tribo da illa de Tule por atopar unha espada coa que mataron o Gran Dragón...

E xa non vos contamos máis! Quedades convocad@s a un debate aquí mesmo dentro de aproximadamente un mes! Seguiremos informando! Disólvese a sesión e rendemos as armas...

18 may. 2012

Club 100%: lectura 100% maleducada

Un día despois da "inauguración" é momento de vos propoñer unha primeira lectura maleducada en galego. Que vos gustaría ler? A nosa idea é comezar devagar, cun certo aquel de morriña dos libros escritos por mulleres que lemos na nosa nenez e aínda non esquecemos, e como un xeito de ir quentando motores e prepararnos para próximas lecturas "adultas" (rínchanme os dentes pola expresión, pero que lle imos facer: non se me ocorreu outra). Pregúntome que vos parecerán as nosas suxestións e se as (re)coñecedes. Botades en falta algunha?



17 may. 2012

Máis Maleducadas ca nunca

Ola a todas e todos, queridiñas e queridiños maleducados, dende este nova sucursal nosa que abre ao público galegofalante (e a quen goste de ler na nosa lingua) nun día tan sinalado coma o 17 de maio, día das letras galegas elixido entre os outros centos de días porque un 17 de maio unha grande maleducada, Rosalía de Castro, publica Cantares gallegos, o que marca un fito na historia da literatura galega. 

Con este novo espazo buscamos encher o oco da promoción de escritoras galegas que reclamamos coma un dos obxectivos orixinais de Maleducadas, pero ao ir avanzando no tema da literatura escrita por mulleres decatámonos de que todas, sen distinción de lingua, precisaban un altofalante que as visibilizase. É o noso un altofalante pequeno, non chega a millóns, nin sequera a milleiros, de persoas, pero é un altofalante que emite unha mensaxe sen distorsións: queremos que se vexa o traballo maleducado (isto é, que non contou durante séculos co visto e prace da sociedade) das nosas escritoras.

Aínda que o traballo se nos multiplica, a pesar de que seguimos a ser só dúas formiguiñas, seguimos abrindo espazos para vós, e dicímolo contentas do que levamos camiñado, por iso eliximos para esta presentación unha tamaño de letra coloSAL. Velaquí estamos xa para ofrecervos unha nova fiestra ás nosas literatas, máis maleducadas ca nunca: 100% maleducadas!!!

Seguímonos, maleducad@s, tamén en galego! E benvid@s!!!